Doutoramentos
Programas de doutoramento
Doutoramento en Matemáticas
O Programa de Doutoramento en Matemáticas posúe unha longa traxectoria na USC. Os doutores formados nel crearon grupos de investigación que concorreron e concorren con éxito a convocatorias rexionais, nacionais e europeas de financiamento e as súas publicacións acadaron e seguen acadando cotas de gran calidade e repercusión. Segundo o ranking 2014 da Universidade Nacional de Taiwan a USC é a número 57 do mundo en investigación matemática, a 13 a nivel europea e a primeira de España, posto confirmado polo ranking da Universidade de Granada en repetidas ocasións. O Programa abrangue todas as ramas fundamentais da matemática: álxebra, análise, xeometría, topoloxía e astronomía, o que permite unha ampla oferta de formación para os estudantes.
Doutoramento en Matemáticas e Aplicacións
Este programa de doutoramento enmárcase no proxecto Universidade sen Fronteiras (UNISF) financiado polo Programa Transfronteirizo INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP). É un programa de doutoramento no que participan as Universidades de Galicia e do Norte de Portugal (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña, Universidade do Porto, Universidade do Minho, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro). O título pretende dar unha ampla e sólida formación en Matemáticas, pois contén unha ampla gama de temas de investigación que abarcan moitas áreas relevantes da Matemática, así como das súas aplicacións á Física, Bioloxía, Medicina, Computación, Ecoloxía, Biotecnoloxía, Economía,… Preténdese que o estudante de doutoramento adquira as capacidades de investigación, de transferencia e de modelización nas áreas anteriormente citadas.
Doutoramento en Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas
Na actualidade, coa rápida evolución da enxeñaría e as ciencias aplicadas, ponse de manifesto a necesidade de formar especialistas no modelado e a simulación numérica de procesos que proveñen do ámbito industrial ou empresarial, de maneira que, neses ámbitos se impulse desde a Universidade a transferencia do coñecemento e a incorporación de doutores aos departamentos de I+D+i, cunha formación encamiñada a optimizar procesos, diminuír custos, mellorar a calidade dos produtos, deseñar novas tecnoloxías, aumentar a seguridade, diminuír a contaminación medioambiental, etc. A relevancia das liñas de investigación nas que se centra o programa ponse de manifesto na produtividade científica dos grupos de investigación responsables, valorable, por exemplo, en termos de sexenios de investigación, teses dirixidas e publicacións en revistas do JCR. A oferta proposta adecúase á actuación consistente na conformación dunha oferta de posgrao especializada e competitiva respecto á contorna universitaria, nacional e internacional, incrementando o prestixio social dos estudos de posgrao.
Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa
Este Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa pretende proporcionar unha sólida formación no ámbito da estatística e da investigación operativa, capaz de adaptarse ás necesidades da sociedade actual. Asemade preténdese fomentar a formación continua dos profesionais na área da estatística e a investigación operativa e a interconexión entre as diversas parcelas da área grazas á colaboración no Doutoramento de profesores pertencentes a diferentes liñas e grupos de investigación. Este Doutoramento adecúase aos obxectivos estratéxicos da Universidade en tanto en canto persegue a obtención da excelencia investigadora e a transferencia da tecnoloxía e dos coñecementos da Universidade á sociedade, en particular ao mundo da empresa que é onde as aportacións da estatística e da investigación operativa deben ser tidas en conta.
Usamos cookies propias e de terceiros para mellorar a túa experiencia e os nosos servizos analizando a túa navegación no noso sitio web e como interactúas connosco e poder mostrarche publicidade en función dos teus hábitos de navegación. Para consentir o seu uso, prema o botón "Acepto". Podes obter máis información consultando a nosa Política de Cookies.