I Convocatoria de Axudas CITMAga para a Creación de Obradoiros de Divulgación Matemática

O CITMAga participa frecuentemente en eventos de divulgación científica, ofrecendo obradoiros e actividades que achegan as Matemáticas á cidadanía dun xeito ameno e participativo. Estes obradoiros, realizados en feiras científicas, centros de ensino, actos propios ou alleos (como a GNight, o Día da Ciencia na Rúa, Cullerciencia, Ponteciencia...), permiten mostrar aspectos das Matemáticas que non sempre aparecen nos currículos regrados, pero que resultan atractivos, formativos e accesibles para o público xeral.

Co obxectivo de fomentar a creación de novos obradoiros e incentivar a participación do persoal do centro nestas iniciativas, o CITMAga lanza a I Convocatoria de Axudas CITMAga para a Creación de Obradoiros de Divulgación Matemática.

Obxecto

O obxecto desta convocatoria é ofrecer apoio económico e acompañamento técnico para o deseño e posta en marcha de novos obradoiros de divulgación matemática promovidos polo CITMAga.

Convócanse dúas axudas dotadas con 200 € cada unha, destinadas á creación de material específico para o seu uso en obradoiros. Ademais, cada proxecto seleccionado contará co asesoramento dunha persoa mentora con experiencia en actividades de divulgación científica.

Beneficiarias

Poderá participar todo o persoal vinculado, propio, en formación e colaborador do CITMAga, de maneira individual ou en grupo. Se a proposta é en grupo, basta con que unha persoa do grupo estea ligada ao CITMAga.

Execución da actividade

Unha vez seleccionadas as propostas, asignarase a cada equipo a súa correspondente persoa mentora e iniciarase a planificación do obradoiro. O prazo para a execución do obradoiro será de 3 meses desde a resolución da convocatoria. A persoa mentora acompañará o proceso de deseño, testeo e avaliación da proposta.

O persoal técnico do CITMAga apoiará ao equipo na adquisición do material necesario xestionando os gastos ata o máximo de 200€ por proxecto.

Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias comprométense a:

  1. Colaborar coa persoa mentora e coa Comisión de Divulgación na planificación e desenvolvemento do obradoiro, participando nas reunións e comunicacións necesarias para o seu éxito.
  2. Participar, como mínimo, en dous eventos de divulgación no ano natural seguinte á resolución da convocatoria.
  3. Representar ao CITMAga con responsabilidade, empregando a imaxe corporativa do centro en todo o material e actividades asociadas.

Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse cubrindo o formulario dispoñible en Microsoft Forms (preme aquí).

O prazo abrirase o día seguinte á publicación desta convocatoria e rematará ás 14:00 horas do día 14 de novembro de 2025.

Criterios de valoración da solicitudes

A selección de propostas farase por orde de puntuación atendendo á seguinte táboa:

Criterio Puntuación máxima Descrición
Interese da proposta para a cidadanía 7 Capacidade para atraer, inspirar e contribuír á cultura científica da sociedade.
Viabilidade da proposta e do material a elaborar para desenvolvela 5 Realismo do plan, dispoñibilidade de medios e coherencia do material.
Amplitude do público obxectivo 3 Variedade e adecuación do público ao obxectivo do obradoiro.
Creatividade e calidade do material 3 Innovación na presentación e rigor divulgativo.
Perspectiva de xénero 2 Integración de enfoques que fomenten a igualdade e a participación de nenas e mulleres na ciencia.

 

Avaliación de propostas e selección

A avaliación realizarase nunha única fase, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

A Comisión de Avaliación estará composta por un membro da Comisión de Divulgación e polas dúas persoas que exerzan a mentoría. Poderá contar, ademais, co asesoramento técnico que considere necesario.

As solicitudes que non se axusten aos obxectivos da convocatoria quedarán excluídas da avaliación.

A resolución publicarase no prazo máximo dun mes natural desde o peche da convocatoria.

A decisión da Comisión de Avaliación terá carácter definitivo.

 

Resolución

Preme aquí.