I Concurso Pi-MAga
I Concurso PIMAga
Dende o CITMAga estamos felices de anunciar o comezo dunha nova iniciativa de divulgación con motivo do Día Internacional das Matemáticas (14/03), o I concurso PiMAga.
O I concurso PiMAga xorde coa finalidade de achegar as Matemáticas á sociedade dun xeito amigable, e para iso queremos promocionar e premiar distintas iniciativas e actividades que as/os docentes da nosa comunidade están a levar a cabo nas súas aulas.
Esta iniciativa está dirixida a docentes de todos os niveis educativos exercendo o seu labor na comunidade autónoma de Galicia. As/os participantes deben responder á seguinte cuestión: “Que fas na túa aula para celebrar o Día Internacional das Matemáticas?”.
A resposta deberá incluír un texto explicando a actividade ou proxecto realizado na aula e poderá, a elección das/dos participantes, ir acompañado de calquera outro material adicional: imaxe, vídeo, infografía... A participación levarase a cabo a través do correo electrónico citmaga@citmaga.gal, a onde as/os candidatas/os deberán enviar as súas propostas indicando o seu nome e apelidos, o nome do centro, o nivel educativo da aula na que se desenvolveu a proposta e a explicación desta. Recordamos que neste envío pode achegarse calquera material adicional a elección das/dos participantes. A información máis detallada relativa á participación pode consultarse nas bases do concurso (preme aquí).
O prazo de envío de solicitudes será do 1 ao 31 de marzo de 2024 (ambos inclusive).
Durante o proceso de selección os criterios que se valorarán nas propostas son:
• Grao de execución/desenvolvemento
• Exposición e forma na que se presenta
• Orixinalidade
O xurado do concurso estará composto polos integrantes da Comisión de Divulgación Científica do CITMAga.
Resolución (preme aquí).
Nota de prensa (preme aquí).
Agardamos que esta nova iniciativa sexa do voso agrado e que vos animedes a participar!