II Concurso Pi-MAga
II Concurso PIMAga
Con motivo do Día Internacional das Matemáticas (14/03), dende o CITMAga anunciamos o II Concurso PIMAga.
O II Concurso PIMAga xorde coa finalidade de achegar as Matemáticas á sociedade dun xeito amigable, e para iso queremos promocionar e premiar distintas iniciativas e actividades que as/os docentes da nosa comunidade están a levar a cabo nas súas aulas.
Esta iniciativa está dirixida a docentes de todos os niveis educativos exercendo o seu labor na comunidade autónoma de Galicia. As/os participantes deben responder á seguinte cuestión: “Que fas na túa aula para celebrar o Día Internacional das Matemáticas?”.
A resposta deberá incluír un texto explicando a actividade ou proxecto realizado na aula e poderá, a elección das/dos participantes, ir acompañado de calquera outro material adicional: imaxe, vídeo, infografía... A participación levarase a cabo a través do correo electrónico citmaga@citmaga.gal, a onde as/os candidatas/os deberán enviar as súas propostas indicando o seu nome e apelidos, o nome do centro, o nivel educativo da aula na que se desenvolveu a proposta e a explicación desta. Recordamos que neste envío pode achegarse calquera material adicional a elección das/dos participantes. A información máis detallada relativa á participación pode consultarse nas bases do concurso (preme aquí).
O prazo de envío de solicitudes será do 14 ata o 31 de marzo do 2025 (ambos os dous inclusive).
Durante o proceso de selección os criterios que se valorarán nas propostas son:
• Exposición da actividade.
• Calidade e orixinalidade dos recursos elaborados.
• Orixinalidade da metodoloxía e finalidade.
• Grao de adecuación aos elementos do currículo.
• Grao de desenvolvemento na execución da actividade e de consecución de obxectivos.
O xurado do concurso estará composto polos integrantes da Comisión de Divulgación Científica do CITMAga.
Resolución (preme aquí).
Agardamos que esta nova iniciativa sexa do voso agrado e que vos animedes a participar!