Introdución
Lalín destino StarLight, introdución
O pasado día 1 de abril nun acto celebrado no Museo Municipal de Lalín, foille entregado ao alcalde José Crespo Iglesias por parte da directora do CITMAga, Rosa María Crujeiras Casais (que representaba á directora da Fundación Starlight (FS), Antonia Mª Varela Pérez, en directo por videoconferencia), a certificación do concello de Lalín como novo Destino Starlight en Galicia.
A FS, vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias e creada en 2007 logo de terse aprobada por parte da UNESCO a Declaración de La Palma (preme aquí) para a conservación do ceo escuro e o dereito a observar as estrelas como patrimonio cultural da humanidade, ten entre outras a misións certificar aquelas zonas do planeta que teñan un ceo nocturno escuro, polo tanto sen contaminación luminosa ou mínima, de tal xeito que podan ser ofertadas como destinos turísticos nos que se contemple o ceo nocturno en todo o seu esplendor. Para elo, os concellos solicitantes deben de cumprir unha serie de estritas condicións de calidade tanto dos seus ceos como de infraestrutura turística.
Hai que lembrar que a investigación astronómica en Galicia comezou na vila de Lalín grazas ao traballo exemplar e de excelencia do matemático e astrónomo Ramón María Aller Ulloa (preme aquí) dende os inicios do pasado século. O padre Aller pasou á universidade como profesor en 1939. Pouco despois fora construído o Observatorio universitario en 1943-44 nos terreos da entón chamada Residencia.
O Observatorio de Lalín en 1924 e Refractor Steinheil, instalado no Observatorio de Lalín en 1925.
Fotografía dunha estrela dobre, e primeira órbita dunha estrela dobre (STT77) calculada en España. Autor: Ramón Mª Aller.
O emblemático Observatorio de Lalín, que ficou baleiro dende o paso a Compostela do refractor Steinheil en 1944, recuperouse en 2011 logo dun convenio entre o Concello e a USC a través do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA), e así púidose dar continuidade en mellores condicións ás distintas actividades astronómicas que, promovidas dende o OARMA, xa víñanse realizando en Lalín dende 1991 (preme aquí).
Actividades de Astronomía na Casa Museo e no Observatorio de Lalín (2011-2022).
Co obxecto de darlle continuidade a estas actuacións, destacando Lalín como berce da Astronomía en Galicia e ao mesmo tempo poñer en valor os ceos escuros existentes sobre todo na parte leste do seu termo municipal, pensouse que o mellor sería optar á certificación de Destino Turístico Starlight pasando as probas necesarias para elo, tal como consta no protocolo da FS.
Ditas probas, posteriormente examinadas rigorosamente cadansúa por un auditor foron as seguintes:
- 1. Astronómica.
Son catro os requisitos a avaliar do ceo da zona proposta. En primeiro lugar a nebulosidade, que ten que ten unha media da porcentaxe anual de aproximadamente un 50%. Logo están a transparencia do ceo, a iluminación cenital, e a nitidez ou calidade da imaxe. Todo elo require unha observación continuada realizada por especialistas cos medios necesarios para elo.
Relativo a transparencia, compre lembrar que o brillo aparente dos astros mídese mediante o termo magnitude. Trátase dun número que segundo crece refírese a obxectos cada vez máis febles, sendo a magnitude 6 a que marca o límite da visión humana con ceos completamente escuros.
A iluminación cenital ten un valor de 22 magnitudes/(segundo de arco)2 en ceos prístinos. Neste exame esíxese un valor superior a 21 para noites sen Lúa.
Finalmente a nitidez se mide mediante o termo seeing que ven sendo o tamaño da imaxe estelar. Fenómenos como o vento e a humidade, sobre todo o vento nas capas altas da atmosfera adoitan influír negativamente neste parámetro esencial sobre todo á hora de facer fotometría.
- 2. Actividades astronómicas habituais, recursos culturais e naturais do concello e capacidade para recibir turismo científico.
Aparte de todo isto, é preciso liquidar á FS unha preinscrición e finalmente, en caso de resultado final positivo, facer o pago da certificación.
Co fin de levar cabo non só todas as observacións astronómicas pertinentes senón tamén a selección de lugares, incluso todos os trámites administrativos e, en definitiva, todos os pasos conducentes á obtención do obxectivo perseguido, o concello contactou co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), asinando un contrato en maio de 2022. O equipo de traballo ficou constituído polo profesor José Ángel Docobo, catedrático emérito de Astronomía, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) e investigador do CITMAga, como responsable científico, Pedro Pablo Campo Díaz, doutor en Matemáticas (Astronomía) e investigador do OARMA, e máis o graduado en Matemáticas e alumno de mestrado, Xabier Pérez Couto.
De entre varios puntos óptimos, elixiuse como punto de observación o Alto do Costado ou de Rodelas na parroquia lalinense de Maceira. Trátase dun vértice xeodésico situado a 743m de altitude dende o que se domina unha panorámica de 360º, sendo de día un magnífico miradoiro dende o que se ven os principais cumios da comarca do Deza e a súa contorna: O Farelo, a serra do Faro, o Candán, o Carrio, e incluso o Pico Sacro cara a Compostela. Por outra banda, de noite é un lugar privilexiado dende onde se pode contemplar o ceo en todo o seu esplendor incluíndo unha perfecta visión da Vía Láctea. Loxicamente hai moitos máis lugares en toda aquela zona dende os que se pode observar o ceo en perfectas condicións. O equipo de traballo tamén seleccionou o outeiro de Albarellos e o monumento natural da Fraga de Catasós.
Durante un ano realizáronse todas as observacións astronómicas necesarias: transparencia do ceo, calidade de imaxe, e iluminación cenital, dando todas elas resultados favorables.
NATUREZA E CARACTERÍSTICAS DO CONCELLO DE LALÍN
Zonificación: ubicación e límites (coordenadas xeográficas): situado na provincia de Pontevedra, na zona central de Galicia. As coordenadas da capital do municipio son +42.66º , -8.11º . Limita ao noroeste co de Vila de Cruces, con Silleda e Forcarei ao oeste, O Irixo ao sur, Dozón ao surleste, Rodeiro ao leste, e Agolada ao norleste. Forma parte da comarca de Deza xunto con os outros cinco concellos mencionados.
Solicitouse a certificación de Destino Turístico Starlight para a zona leste do termo municipal de Lalín. A zona concreta pode verse no mapa que se adxunta e inclúe o monumento natural da Fraga de Catasós.
Nela se teñen seleccionado tres puntos de observación. Dous deles se elixiron pola súa elevación (son os puntos máis altos da zona delimitada), en tanto que o outro o foi pola súa proximidade ao monumento natural da Fraga de Catasós. A situación destes tres puntos é a seguinte:
- 1-Alto de Rodelas (parroquia de Maceira, marcado cun punto vermello no mapa, a 4,6 km. do centro da vila de Lalín).
Latitude: + 42º39’15”
Lonxitude: - 8º4’10”
Altura: 743m.
- 2-Fraga de Catasós (a 5,2 km. de Lalín).
Latitude: + 42º38'19"
Lonxitude: - 8º4'53"
Altura: 665m.
- 3-Outeiro de Albarellos (a 5,5 km. de Lalín).
Latitude: 42º38'53" N
Lonxitude: 8º3'20" W
Altura: 738m.
Estes tres lugares están sobre unha altiplanicie de forma ca vila de Lalín fica máis baixa (a uns 150 metros), non producíndose polo tanto contaminación luminosa directa.
Zona solicitada:
Extensión: 32 km2
Nº habitantes: 575
Infraestruturas/ Recursos de interese turístico:
O concello de Lalín dispón dunha completa páxina web de turismo (preme aquí) onde pode verse a gran cantidade de recursos turísticos existentes. A continuación destácanse algúns dos máis sobranceiros.
De carácter histórico/cultural:
Museo Municipal Ramón Mª Aller Ulloa: foi a residencia de Ramón María Aller, e agora está dedicada aos fillos ilustres de Lalín: o propio Ramón María Aller, José Otero Abeledo “Laxeiro”, e Joaquín Loriga. Realízanse exposicións, conferencias e todo tipo de actividades culturais, como a Bienal de Arte Pintor Laxeiro. Conta co Observatorio Astronómico orixinal de Ramón Mª Aller, restaurado en 2011 mediante un convenio entre o concello e a USC a través do Observatorio Astronómico da Universidade, e no que se ten instalado un telescopio reflector Dahl-Kirkham de 0,51 metros de apertura.
Pazo de Liñares: pazo barroco do século XVII, recoñecido como Ben de Interese Cultural, acolle o Museo do Xoguete e da Marioneta e o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, entre outros espazos.
Museo Etnográfico "Casa do Patrón": museo sobre a vida no rural galego, conta con diversas exposicións e realiza obradoiros ao longo de todo o ano.
Castro Deza: espazo dedicado á divulgación da cultura castrexa e a súa implantación na comarca de Deza.
A todo isto, hai que engadir un gran número de exemplos de arquitectura civil e relixiosa, monumentos e esculturas espallados por toda a xeografía lalinense, ademais de conxuntos megalíticos e castros.
De carácter medioambiental:
A Fraga de Catasós: bosque de carballos e castiñeiros, cunha extensión de 45.185 metros cadrados, declarada Monumento Natural no ano 2000.
Fraga de Barcia: bosque de 30.000 metros cadrados, con exemplares de máis de 200 años.
Sobreiras do río Arnego: Zona Especial de Conservación de 1.124 hectáreas, compartidas cos municipios de Agolada e Vila de Cruces.
Serra do Candán: Zona Especial de Conservación, de 10.699 hectáreas, compartidas cos concellos de Beariz, Forcarei, O Irixo e Silleda. O cumio de maior altitude é o alto de San Bieito, con 1015 metros. Na serra atópanse os nacementos dos ríos Lérez e Umia.
De outro tipo:
Polo municipio pasan dúas rutas do Camiño de Santiago, o Camiño de Inverno e a Vía da Prata.
Parámetros de calidade do ceo
Nebulosidade:
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela, é desde 1982 centro colaborador da Agencia Estatal de Meteorología. Na web do OARMA (https://www.usc.gal/astro) temos unha sección meteorolóxica onde pode atoparse un resumo anual dos datos dos principais parámetros atmosféricos.
A zona estudada de Lalín leste está a pouco máis de 40 Km. en liña recta do Observatorio cara o interior de Galicia. En réxime de bo tempo, os ceos adoitan estar máis despexados canto máis ao sur y e ao interior, salvo en zonas de néboas anticiclónicas que se sitúan nos vales e na proximidade dos ríos (non só dos caudalosos).
As horas de insolación poden tamén dar unha medida aproximada dos ceos nocturnos claros salvo en zonas proclives ás néboas. Este non é o caso nin da cidade de Santiago de Compostela nin tampouco da zona de Lalín leste, onde non hai ríos e estando a cota media por riba dos 700m.
A media de horas de insolación dos últimos anos no OARMA, sito no Campus Vida da USC, sobrepasa lixeiramente o 50% das posibles horas de Sol. En 2022 chegouse ao 52,2%.
Nas noites de observación en Lalín leste temos comprobado bastantes veces o fenómeno da inversión térmica que a súa vez fai diminuír a humidade relativa, ficando un ceo moito máis limpo e transparente ca noutros lugares con cotas máis baixas onde a aparición de néboas e brétemas abonda con frecuencia.
Ceñíndonos ao que nós denominamos "noites astronomicamente aproveitables", é dicir tanto ás completamente despexadas como ás case despexadas e incluso ás pouco nubosas, en 2022 tivemos no noso Observatorio un total de 201, o que supón un 55% sobre o total. Nese mesmo ano, con datos de satélite facilitados pola AEMET para a súa estación de Silleda situada entre Santiago e Lalín a 524 m. de altitude e a uns 15 Km da nosa zona de estudo en Lalín leste, obtívose unha media de cobertura de nubes do 56%. Isto non quere dicir que só o 44% das noites serían aproveitables xa que logo moitas delas teñen porcentaxes de cobertura de nubes entre 10% e 30%, o que permite a realización de observacións astronómicas. Tamén compre ter en conta a proximidade de Silleda ao río Deza, o que aumenta la ocorrencia de néboas, algo que o satélite non pode discriminar, e que está uns 200m máis baixa ca zona cero da área traballada para o Destino Starlight.
Pola comparativa coa nosa posición en Santiago e ao estar moito máis lonxe da influencia atlántica, consideramos que é obxectivo poder estimar en máis do 50% o número de noites astronomicamente aproveitables na zona de Maceira-Alvarellos-Catasós (Lalín leste), puntos de observación recomendados.
Transparencia:
Para medir a transparencia do ceo realizáronse observacións de sectores seleccionados do ceo, contando o número de estrelas visibles, para logo comparar dito número cos recollidos nas táboas dadas en (preme aquí). Unha mostra dos resultados está recollida na seguinte táboa
Data | Observadores (*) | Magnitude máxima |
26/01/2022 | PC | 6.20 |
23/02/2022 | PC, XP | 6.66 |
06/03/2022 | XP | 6.33 |
24/03/2022 | PC, XP | 5.99 |
03/04/2022 | XP | 5.76 |
27/06/2022 | PC, XP | 6.20 |
01/07/2022 | PC | 6.33 |
(*) PC: Pedro Pablo Campo Díaz. XP: Xabier Pérez Couto
Escuridade:
Mediuse o brillo de fondo do ceo no cénit utilizando un fotómetro SQM (Sky Quality Meter). As primeiras medidas realizáronse cun SQM manual, as últimas cun SQM-LU-DL nun trípode durante as noites do 28 e 29 de maio. Unha mostra dos datos se axuntan na seguinte táboa.
Data | Fotómetro | Magnitude cenital |
23/02/2022 | Manual | 20.825 |
06/03/2022 | Manual | 21.045 |
24/03/2022 | Manual | 21.045 |
03/04/2022 | Manual | 21.100 |
28/05/2022 | Manual | 21.140 |
29/05/2022 | Automático | 21.070 |
Co obxectivo de caracterizar adecuadamente o brillo cenital do lugar de observación, instalouse na noite do 27 de xullo o fotómetro SQM-LU-DL no lugar das medidas e apuntando ao cénit, para obter un volume de datos adecuado. Pasados 10 días, o 7 de agosto, descargáronse os primeiros datos, visibles na seguinte gráfica.
Extraendo dos datos anteriores lecturas correspondentes á noite astronómica (altura do Sol < -18º) e sen Lúa (altura da Lúa < -5º), obtemos un subconxunto de datos correspondentes aos mellores momentos da noite para observar o ceo. Os valores de brillo cenital (un total de 2933 medidas) correspondentes, nos permiten calcular a magnitude/arcsec2 promedio no FWHM (entre círculos vermellos na seguinte figura), sendo esta de 21.23mag/arcsec2.
O fotómetro volveuse a instalar ata o día 19 de setembro, só baixándoo cada 3 semanas para cambiar as pilas, e da análise dos datos nocturnos sen Lúa, sen corrixir por nebulosidade, obtívose que o 60% das medicións está por riba da magnitude 21.
Ademais das medicións realizadas co fotómetro, o equipo puido constatar que a Vía Láctea era perfectamente visible desde o lugar de observación, e realizáronse varias fotografías da mesma en noites sen Lúa. Axúntanse dúas de ditas imaxes.
A Vía Láctea dende Rodelas en agosto de 2022.
Nitidez:
A primeira observación fíxose observando directamente co telescopio á estrela dobre Castor, na constelación dos Xemelgos, constatando que se observaban as dúas estrelas principais perfectamente, que teñen unha separación dun 5”. As seguintes medicións realizáronse tomando imaxes de estrelas febles con suficiente exposición e calculando o Full Width at Half Maximum (FWHM) do seu histograma de brillo. As imaxes foron feitas cunha cámara CCD ST-2000XM acoplada a un Celestron CPC-800, cunha resolución de 0.75” por píxel. Realizáronse observacións de diferentes campos estelares con exposicións de 1s, 3s, 5s y 7s. Os cálculos fixéronse a partir das imaxes de 5s de exposición. Unha representación dos datos se recollen na táboa adxunta.
Data | FWHM mínimo | FWHM promedio |
28/01/2022 | 5” | |
01/02/2022 | 3”68 | 4”64 |
06/03/2022 | 3”15 | 3”74 |
03/04/2022 | 3”83 | 4”08 |
29/04/2022 | 2”50 | 2”86 |
04/05/2022 | 2”70 | 2”95 |
27/05/2022 | 2”48 | 2”85 |
28/05/2022 | 2”33 | 2”72 |
20/07/2022 | 2”10 | 2”62 |
Así deste xeito se foron superando todos os chanzos, chegando a febreiro desde ano cando o día 14 enviamos á FS a denominada Application Pack, na cal en 22 apartados deuse conta non só dos resultados dos distintos tipos de observacións levadas a cabo coa instrumentación e algoritmos correspondentes, senón tamén unha clara e pormenorizada resposta a todas as cuestións relativas as actividades astronómicas organizadas en Lalín, sobre todo a aquelas desenvolvidas no recuperado Observatorio dende 2011, anexo á Casa Museo Municipal, así como as infraestruturas hoteleiras e unha ampla descrición dos recursos culturais e naturais da capital do Deza.
O Pleno Municipal se adheriu á Declaración de La Palma o día 24, e de seguido, os días 27 de febreiro e 8 de marzo se pasaron as dúas auditorías. Paralelamente a administración do CITMAga fixo os distintos pagos estipulados.
Deste xeito, a finais de marzo se nos comunicou que todo o traballo feito tivo o premio polo cal se loito arreo durante os doce últimos meses.
A vila de Lalín, lugar onde Ramón María Aller iniciou a investigación astronómica en Galicia, e os seus visitantes poden xa desfrutar oficialmente non só dun glorioso pasado astronómico, senón tamén dun magnífico ceo estrelado, sobre todo na súa parte leste, certificado como Destino Turístico Starlight.
A profesora Crujeiras facendo entrega do Certificado Starlight ao alcalde de Lalín, José Crespo (01/04/2023).
José Ángel Docobo Durántez
Pedro Pablo Campo Díaz
Xabier Pérez Couto
- Este artigo tamén está dispoñible en formato pdf na seguinte ligazón (preme aquí)