PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES DE CITMAga

 

A Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes establece a obriga de implantar plans de igualdade nas empresas de 50 ou máis persoas traballadoras (o Real decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación, modificou o artigo 45.2, pasando de 250 a 50 persoas traballadoras) e nas administracións públicas.

Ademais, cómpre ter en conta, por unha banda, o contido do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real Decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, que, entre outras obrigas, determina que os plans de igualdade deben incluír os resultados da auditoría retributiva; e por outra, o Real decreto 902/2020 de 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes, no que se regula o contido da dita auditoría.

Segundo consta no seu Plan estratéxico, CITMAga inclúe entre os seus valores a igualdade de oportunidades e de trato, independentemente do sexo, a idade, a condición social ou relixiosa. Para iso, recoñecerase a diversidade e promoverase a equidade e as vocacións femininas, apoiando o desenvolvemento das diferentes capacidades, talentos e opinións das persoas integrantes do Centro.

Así mesmo, no seu plan de acción, a “Acción 15: Deseñar e implementar unha estratexia de persoal investigador e apoiar o desenvolvemento da carreira profesional”, inclúe un total de cinco medidas.

Concretamente, a medida 3 refírese ao deseño e posta en marcha dun Plan de igualdade de xénero en CITMAga que inclúa:

  • Un diagnóstico da situación das mulleres investigadoras na entidade.

  • Os obxectivos prioritarios (ex. asegurar o equilibrio de xénero na toma de decisións).

  • Unha batería de medidas específicas para apoiar a elección da carreira investigadora entre as mulleres, facilitar a conciliación da vida persoal e profesional do persoal investigador, garantir a participación en órganos de xestión, comisións e foros científicos etc.

Actualmente CITMAga está a levar a cabo o  proceso de elaboración do seu "Plan de Igualdade". No seguinte documento pode verse un breve resumo do traballo que vén de poñerse en marcha.  (Preme aquí para velo).

Por outra banda, como recollen os seus Estatutos, CITMAga é unha entidade pública creada a través dun convenio entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. As tres universidades teñen actualmente implantados e en vigor os seus correspondentes plans de igualdade. Tendo en conta que no artigo 7. "Adscrición" dos Estatutos da entidade indícase que o CITMAga queda adscrito inicialmente á Universidade de Santiago de Compostela, convén facer mención ao "Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes" desta universidade, o cal pode consultarse na seguinte ligazón web: usc.es/es/servizos/oix/planigualdade