Acto inaugural do Consultorio VídeoMatemático
Acto inaugural do Consultorio VídeoMatemático
Dende o CITMAga estamos felices de anunciar que está a piques de dar comezo a estrea do noso novo proxecto audiovisual, o Consultorio VídeoMatemático, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Co obxectivo de achegar a matemática á sociedade, nace o Consultorio VídeoMatemático, unha iniciativa na que a poboación moza será a protagonista xa que, a partir das súas cuestións e dúbidas, o noso persoal investigador matemático desenvolverá as súas respostas nunha linguaxe divulgativa e próxima á cidadanía. Deste xeito preténdese contestar ás inquietudes que a nosa xente moza, e non tan moza, pode chegar a ter no plano matemático.
O acto de inauguración deste proxecto terá lugar o xoves 30 de novembro de 2023, ás 11:20h, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Previamente a esta inauguración, ás 11:00 h, impartirase unha breve charla de divulgación titulada “Números máxicos!” a cargo da profesora M. Elena Vázquez Abal (investigadora vinculada da USC a CITMAga) e dirixida ao alumnado do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela invitado a este evento. Tras este relatorio, ás 11:20h, desenvolverase a mesa de presentación do Consultorio VídeoMatemático, formada por:
• M. Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC.
• Rosa M. Crujeiras Casais, directora científica do CITMAga.
• Miguel Brozos Vázquez, membro do equipo do proxecto e presidente da Comisión de Divulgación de CITMAga.
A continuación, M. Elena Vázquez Abal, responsable do proxecto, presentará ao público o Consultorio VídeoMatemático.
Dende o CITMAga, convidámosvos a que nos acompañedes na presentación deste proxecto tan especial!
Nos vos esquezades de seguirnos nas nosas redes sociais para non perder ningunha actualización desta nova iniciativa:
Instagram: @citmaga
X: @CITMAga
Youtube: @CITMAga
LinkedIn: CITMAga: Centro de Investigación y Tecnología Matemática de Galicia
Agardamos que gocedes da estrea desta nova iniciativa, co voso apoio seguiremos traballando no desenvolvemento de futuras actividades audiovisuais!
#CuestionDeMates