CISPAC, CITMAga e ECOBAS lanzan a Declaración de Compostela ‘Da ciencia con conciencia’
CISPAC, CITMAga e ECOBAS lanzan a Declaración de Compostela ‘Da ciencia con conciencia’
Os tres centros galegos de investigación interuniversitarios CISPAC, CITMAga e ECOBAS vimos de asinar a Declaración de Compostela ‘Da ciencia con conciencia’ na que asumimos o compromiso de construír un ecosistema científico colaborativo baseado na excelencia e utilidade social, cun enfoque aberto á cooperación con outros centros públicos de investigación, tanto universitarios como non universitarios.
A Declaración, un documento aberto a achegas de mellora, xurdiu na I Xornada dos Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia que desenvolveron en febreiro CISPAC, CITMAga e ECOBAS e no que se debateu sobre os grandes retos –“dende a crise ecolóxica global ata o inmediato futuro do cambio climático, pasando polo desafío que supón o manexo masivo de datos e o uso da IA”- aos que hai que dar resposta dende as ciencias cun enfoque transdisciplinar “no que conflúan distintas miradas e no que tomemos conciencia dos impactos tecnolóxicos, ambientais e sociais”.
“Conscientes de que non están cambiando os tempos senón que estamos cambiando de Tempo, o incremento de coñecemento xa non é un obxectivo”, asegura o manifesto no seu preámbulo, senón que “o verdadeiro obxectivo é a procura de solucións aos problemas das sociedades actuais sumando coñecementos e métodos transversais, dende a transdisciplinariedade”.
Facemos un chamamento a que máis centros de investigación galegos se adhiran, de maneira aberta e participativa, a esta iniciativa de compromiso coa Ciencia Aberta, coa construción dunha nova ciencia cidadá e cun modelo de formación académica en proceso de transformación.
Podedes leer a Declaración de Compostela ‘Da ciencia con conciencia’ na seguinte ligazón (preme aquí).
Podedes adheriros respondendo ao seguinte formulario (preme aquí).